[LaCrisi-paguinElsRics] Noticias de Galicia de la CIG

josep xarxa cobas 933002939 en telefonica.net
Jue Nov 4 00:40:17 CET 2010


 
 

      A CIG avaliará a convocatoria dunha nova folga xeral se o goberno non retira a reforma laboral e persiste na das pensións 
      Convoca unha manifestación de delegados/as para o día 3 de novembro e manifestacións en todas as comarcas para o día 18 dese mesmo mes

      A CIG anunciou esta mañá, en rolda de prensa, a convocatoria de mobilizacións no mes de novembro, para exixir novamente a retirada da reforma laboral, para demandar que non se leve a cabo a reforma das pensións e para demandar medidas estruturais dirixidas a mudar o actual modelo económico neoliberal, por outro máis xusto e sustentábel. O día 3 de novembro, está convocada unha asemblea nacional de delegados, que rematará cunha manifestación en Compostela, e o día 18 celebraranse manifestacións en todas as cidades, entre as 19:00 e as 20:00 horas.




      Suso Seixo, secretario xeral, adiantou  que se iniciarán contactos con CCOO e UGT para trasladarlles a disposición da CIG de continuar coas mobilizacións e mesmo convocar unha folga xeral e para coñecer a súa opinión ao respecto. Neste sentido, sinalou que a central sindical analizará, en función da resposta ás mobilizacións convocadas en novembro e dos resultados das conversas con estas organizacións sindicais esa posibilidade, porque dixo “é algo moi serio, que non se pode facer á lixeira”. 

      En todo caso, advertiu que “se a situación se mantén e se a reforma das pensións se leva a cabo, tal e como se prevé, en decembro, ou a principios de ano, a CIG avaliará, tendo en conta todas estas variábeis, a convocatoria dunha folga xeral mesmo de forma unilateral”. 

      De facer esa convocatoria en Galiza sen contar con CCOO e UGT, a CIG valoraría a posibilidade de facela coincidir con folgas xerais noutras nacións do estado.

      Para Suso Seixo, o éxito da recente folga xeral demostrou que, malia o contexto no que se convocaba, mesmo cando xa estaba aprobada a reforma laboral, os traballadores e  traballadoras depositaron a súa confianza nas centrais sindicais, que teñen agora que estar á altura das circunstancias e seguir dando resposta aos ataques do goberno contra a clase traballadora. “Facer outra cousa, sería xerar a frustración e traizoar esa confianza”.

      Reforma laboral 

      O secretario xeral da CIG cuestionou a  “actitude intransixente” do goberno e a súa falta de sensibilidade coas demandas sociais. Actitude que contrasta coa submisión que amosa diante das exixencias do capital financeiro canalizadas a través do FMI, do que lembrou que acaba de pedirlle ao estado español que flexibilice aínda máis o mercado laboral e un Plan B, por se fora necesario aplicar novos recortes. “Non nos sorprende este escenario, por iso cremos que fronte á imposición dun modelo económico e social como este hai que continuar coas mobilizacións”.

      Seixo tamén sinalou que coa remodelación do goberno non se van mudar as políticas, afirmando que “non dependen de Valeriano Gómez –o novo Ministro de Traballo-, son políticas do goberno e do partido que o sustenta”.

      Aínda así, anunciou que a CIG solicitará unha entrevista co novo Ministro, para manifestar “a oposición da central sindical ás reformas e a nosa firme disposición a seguir mobilizándonos”. Unha entrevista que entende que tería que ser o propio Ministro quen a solicitara, “para coñecer a opinión das centrais sindicais máis representativas, e a CIG é unha delas”

      Reforma das pensións

      Respecto da reforma das pensións, coa que se pretende atrasar a idade de xubilación e aumentar o período de cálculo denunciou que desde os diferentes medios estase a dar voz a aqueles que afirman que se trata dunha reforma inevitábel para xustificala. Como exemplo puxo as informacións nas que se recolle a opinión do Grupo dos 100 economistas, que dependen dunha Fundación controlada pola Banca e as grandes empresas multinacionais españolas.

      Fronte a isto, demandou tanto aos medios de comunicación como ao propio goberno que se fagan eco tamén daqueles outros estudos independentes que demostran que está garantida a  sostibilidade da caixa da Seguridade Social e, polo tanto, o sistema de pensións.

      Mobilizacións en Francia

      Respecto do éxito que están a ter as mobilizacións en Francia, Suso Seixo afirmou que están plenamente xustificadas e que dado o calado das reformas que xa se nos impuxeron e as que se nos pretenden impor en breve “teríamos aquí moitos máis motivos para mobilizarnos que os franceses”.

      Neste sentido alertou de que o espírito que subxace en todas as reformas é precarizar máis o mercado laboral, favorecer o incremento da xornada e seguir rebaixando os salarios, algo que posibilita a reforma laboral ao permitir o descolgue dos convenios para incumprir as cláusulas de revisión salarial. Todo isto, co obxectivo último de reducir até nun 25% os salarios no ámbito do estado, para favorecer as exportacións, abaratando os prezos dos produtos, a custo dos traballadores.”
     

 

 

 
------------ próxima parte ------------
Se ha borrado un adjunto en formato HTML...
URL: <http://llistes.moviments.net/pipermail/no65hores/attachments/20101104/9417b3e7/attachment.htm>


More information about the No65hores mailing list